Igrexa parroquial de San Salvador

mapa ficha

Referencia:

060192

Nomenclator:

3207809

Coord. UTM:

x: 61569115 y: 466176842

Concello:

Sarreaus

Parroquia:

SARREAUS

Lugar:

Sas

Tipoloxía:

Arquitectura Relixiosa

Tipo:

Igrexas

Subtipo:

Igrexa

Etapa Histórica:

Idade Moderna

Estilo Relevante:

Neoclásico
Igrexa parroquial de San Salvador

Descrición:

Edificio de planta rectangular, dunha soa nave, con muros de perpiaño reforzados por contrafortes nos laterais, e cuberta con tella mixta. Presbiterio destacado en altura con sancristía de planta rectangular adosada ao muro Norte. Fachada principal artellada con bandas adosadas; porta central alintelada con molduras enmarcándoa, acobadadas nos ángulos, e pilastras nas esquinas con arquitrabes e pináculos florenzados sobre bases prismáticas. Sobre a porta, arquitrabe ao largo de toda a fachada, frontón superior con óculo elíptico e espadana de dous arcos xemelgos con friso superior liso, rematada con pináculos sobre bases prismáticas nos esquinais e frontón de perfil curvo cóncavo con orificio circular, acróteras de tipo bulboso e cruz florenzada, no centro. O adro da igrexa alberga numerosas sepulturas e nichos.
 
Na visita pastoral do 9 de outubro de 1718 dase conta de obras de edificación no coro da igrexa, polo que non se pudo continuar coa visita. Cítase a parroquia como "Rio de freijo" (Libro de visitas, 45-17-11, folio 68).  Tamén de principios do século recóllense obras, entre as que destaca "la hechura de la capilla mayor" que se lle pagou ao mestre de canteiría Domingo de Reboredo.
 
Pola visita 27 de agosto de 1727, sabemos que tiña tres altares dedicados a San Salvador, o maior; a nosa Señora das Neves, o correspondente ao lado do Evanxeo; e a San Sebastián no lado da Epístola.
 
Polas contas do18 de abril de 1721 coñecemos o nome do mestre que fixo a sacristía, Domingo Lorenzo:"mas dio en datta y se le admitten diez y ocho reales de vellon los mismos que tuvo de coste un despacho de contradizion ganado contra Domingo Lorenzo Maestro que hizo la sacristía de la Yglesia que pedio se hiciese tassa de la obra y se mandaba hazer y la de lizencia que con el se hizo". Entre 1806-1807 fixéronse obras de reparación na igrexa: "(.. ..) Primeramente lo es de cinco mil ciento y seis reales que entrego a Domingo Antonio Couceyro Maestro cantero  por la obra que hizo en esta yglesia de sepulturas  colaterales a la Romana lastrar la sacristia abrir el tragaluz del (sic) Capilla mayor y otros varios reparos". (Libro de contas de fábrica, 45-17-12, folio 76).
 
En 1856 pediuse un presuposto para facer obras de canteiría e carpintería na igrexa e o Ministerio obriga á parroquia a pedirllo a un arquitecto da Academia: "[.. ..] Ydem del arquitecto de la academia de San Fernando Don felipe Bouzas y [Trêdis] por formar el plano y presupuesto de la obra de la Iglesia, llebó nuebecientos setenta y dos reales" (Libro de contas de fábrica, 45-17-12, folios 141-142).
 
Entre 1893 e 1903 acometéronse obras no adro da igrexa. En 1893 encargouse ao canteiro Antonio Cabalas que recompuxese parte do muro do adro e, xa en 1903, érgueuse de novo o muro (Libro de contas de fábrica, 45-17-12, folios 178; 188).
 
No seu interior conserva o retablo maior, barroco, cunha imaxe de San Salvador, e un altar de madeira labrada. No Libro de contas da parroquia recóllese un descargo, en diferentes partidas, feito a favor do escultor do retablo maior: Juan Domínguez natural de Castro de Laza, en 1729 (Libro de contas 45-17-11, folio 84 volto). Non obstante, nunha escritura posterior, dase unha partida das primicias a un escultor diferente, Juan Estebez, que se cita como autor do retablo. No axuste de contas que vai desde 1730 a 1763: "Da en datta cientto y diez  y seis reales para pagar al pinttor que pinto el rettablo veinte quattro dias (.. ..)" "(.. ..) cuia entrega hizo en siette de diziembre de settezientos  cinquentta y cinco (.. ..)". Anótanse dous cargos máis a este respeto, no que se cita o nome do pintor, Reymundo Vilar (Libro de contas, 45-17-12, folio 28). Nas contas de 1866 recóllese un gasto de arranxar os altares para colocar dous retablos novos: "Y por ultimo cuatro dias que ocupó un cantero en arreglar las mesas de los altares de Nuestra Señora y San Roque para colocar los retablos nuebos que se hicieron cuarenta reales" (Libro de contas de fábrica, 45-17-12, folio 154).
 
 
BIBLIOGRAFÍA:
- FERNÁNDEZ OTERO, J. C., Apuntes para el inventario del Mobiliario Litúrgico de la Diócesis de Orense. Fundación Barrié de la Maza, Pontevedra, p. 255
- JUANA de, J., A Alta Limia. (A Terra que medrou vencellada a unha  Lagoa). Ir Indo, Vigo, 1993, p. 104.
 
DOCUMENTACIÓN:
-Ficha do Inventario del Patrimonio Arquitectónico de Unterés Histórico Artístico. Ministerio de Cultura. Madrid, 1979.
-A.H.D.OU.
        Libro de visitas., 45-17-11.
        Libro de  visitas, 45,-17-12.

volver a búsqueda