Xacemento do Pendón de Santa Mariña

mapa ficha

Referencia:

050067

Nomenclator:

3207702

Coord. UTM:

x: 60253005 y: 466555760

Concello:

Sandiás

Parroquia:

PIÑEIRA DE ARCOS

Lugar:

Piñeira de Arcos

Tipoloxía:

Xacementos Arqueolóxicos

Tipo:

Castros

Subtipo:

Castro

Etapa Histórica:

Idade do Ferro

Estilo Relevante:

Indeterminado
Xacemento do Pendón de Santa Mariña

Descrición:

Para chegar ata ó castro, dende o pobo de Piñeira de Arcos hai que coller a pista que leva ata a capela de Santa Mariña. O castro é o outeiro que se atopa ó sur da mencionada capela.
 
O Pendón de Santa Mariña está asentado sobre un espolón en sentido N-S en contacto coa chaira da depresión da Limia, moi cerca da antiga beira da Lagoa da Antela. Ten unha amplia visibilidade cara o Norte e cara o Leste sobre a chaira da Limia e o val de Allariz. Conta cun único recinto superior (croa) en sentido N-S que presenta forma ovalada. Nos sectores W-N-E non precisa de defensas atificiais, xa que conta con grandes escarpes, grande altura e uns penedos prominentes. Polo sector sur, onde se une á dorsal, conta con dobre foxo en sentido W-E seguido dun terraplén e unha muralla pétrea duns 10 metros de altura.
 
Rivas Quintas facía no seu día esta descrición do Pendón de Santa Mariña: "O castro aproveitóu eiquí o enfesto do terreo. Polo suroeste e pordosol pódense aínda apreciar dúas fochancas e valadón intermedio, estremando o recinto castreño do monte que rube pras Cantariñas. No curuto é caixeque chairo. Polo nordeste as defensas son naturás, de enfesta caeira. Vese en superficie cerámica e tégula". Na actualidade conta cunha mesta vexetación, aínda así pódese apreciar en superficie algún resto de cerámica.
 
O castro está atravesado por unha liña de baixa tensión.
 
En varios afloramentos rochosos da croa pódense apreciar numerosas cazoletas. Algúns destes afloramentos están parcialmente fracturados debido a accións antrópicas. Destaca unha rocha irregular de grandes proporcións que conta con alomenos 13 cazoletas, ten adosada outra peneda de proporcións moi inferiores onde tamén son visibles tres exemplares. Probablemente o número sexa maior en ambos casos, pero non é doada a apreciación debido á densa capa de brión e liques que cubre os afloramentos.
 
 
DOCUMENTACIÓN:
-Ficha do inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta de Galicia. Clave de identificación: GA32077013
-Ficha do catálogo do planeamento urbanístico do concello de Sandiás. Clave de identificación: GA32077013/13
 
BIBLIOGRAFÍA:
-RIVAS QUINTAS, E.: A Limia: Val da Antela e Val do Medo, ed. Atlántico, Deputación Provincial de Ourense, 1985, p. 104.

volver a búsqueda