Pazo do Telleiro

mapa ficha

Referencia:

050012

Nomenclator:

3207701

Coord. UTM:

x: 60197087 y: 466141775

Concello:

Sandiás

Parroquia:

COUSO DE LIMIA

Lugar:

Couso, O

Tipoloxía:

Arquitectura Civil

Tipo:

Pazos

Subtipo:

Pazo

Etapa Histórica:

Idade Moderna

Estilo Relevante:

Barroco
Pazo do Telleiro

Descrición:

O pazo dos Telleiro hoxe está dividido en dúas familias, estaba emprazado no medio dunha grande extensión de terreo nas aforas do pobo aínda que na actualidade unha pista asfaltada divide parte da finca da casona. A fachada principal está orientada cara ó leste.
 
As fachadas principais da construccións están realizadas en sillares de boa labra, algún tramo na parte posterior emprega perpiaños uns máis regulares ca outros e mesmo nalgunha das construccións auxiliares se emprega a cachotería, o mesmo material que se emprega no muro que o pecha.
 
A pranta do edificio debuxa a forma dun "U", aínda que a primeira vista pareza un paralelepípedo polo muro que a rodea. Consta de pranta baixa e primeiro andar. Algúns engadidos que foi sufrindo con posterioridade alteran un pouco a imaxe primitiva do edificio
 
Na finca existíu unha capela desaparecida non hai moito tempo (un veciño do pobo que hoxe terá uns 70 anos e que se adicaba a carpintería informa de que el aínda traballou facendo reformas no interior da capela). Nas inmediacións de onde estaba encravada levantáronse modernamente unha serie de edificacións auxiliares. Nos libros parroquiais xa aparece mencionado o templo na visita pastoral do ano 1676 (Libro 35.3.3., fol., 3). Con motivo da visita parroquial de 1832 faise un reconto dos bens que tiña a igrexa e dos que tiña esta capela (Libro 35.3.4., fol.,44). Contaba cun cáliz coa súas patena, dúas casullas, dúas albas, un pano de mans e outro de cáliz, tres mesas de corporais e dúas de manteis, e como imaxes (un crucifixo, San Roque como patrón, Nosa Señora da 0, Santa Rita e o neno Xesús). Tamén unha ara, oito ramalletes de folla de lata, dúas vinaxeiras de estaño co seu prato e un misal vello.
 
Na citada visita de 1832 (Libro 35.3.4., fol., 49) faise referencia á capela do seguinte xeito; "Visittó tambien Su Ilustrisima la Capilla de la Expectacion de Nuestra Señora, que comunmente llaman de Nuestra Señora de la 0, sita donde llaman el telleyro, que es propia de la casa de Añel, que tambien llaman la casa del telleyro, y se halló muy decente y provista de buenos ornatos, caliz y recado completo para celebrar misa, en cuio altar se hallan ademas las imágenes de San Roque, Santo Tomás, San Estevan, Santiago el maior y San Antonio de Padua, todas decentes y bien colocadas".  Non cabe dúbida que nestes datos hai algún erro, xa que a imaxinería que cita no anterior inventario de bens da capela nada ten que ver coas que cita na visita. Ademáis hai que ter en conta que a capela víñase citando sempre baixo a advocación de San Roque (e posteriormente seguirase citando do mesmo xeito), esta é a primeira vez que se fala da advocación da Nosa Señora da 0. De todo esto pódese deducir que houbo unha confusión co templo de Vilariño das Poldras, propio da casa do Penedo. Este último sí que se cita como capela da Nosa Señora.
 
Voltando ó edificio e no referente ós vanos, decir que a pranta baixa emprega bufardas seteiras, unhas dispostas en posición vertical e outras en horizontal. Na primeira pranta destaca a porta que sae a un grande balcón de pedra -apioado en catro magnos canzorros- que avanza sobre a liña de fachada. O balcón está delimitado por unha sinxela varanda de ferro. Aparte disto, no primeiro piso ábrense unha serie de fiestras alternando con algunha porta de aire. Na pranta baixa da fachada oriental destaca o grande portalón alintelado que da ó zaguán e dende aquí conduce ó patio interno. Nesta fachada unhas sinxelas escaleiras serven de acceso a pranta nobre do edificio. Enriba do portalón atópase o principal elemento decorativo: un gran escudo baixo coroa e rodeado dunha rica decoración vexetal-floral. Segundo Rivera Rodríguez nos diferentes cuarteles aparecen as insignias dos Cea, dos Salgado, dos Deza e da Inquisición. A fachada norte conserva outro escudo, neste caso de menor envergadura e moito máis sinxelo, porta a cruz de Calatrava.
 
Na fachada occidental sobresae unha interesante escaleira con balaustrada de pedra que remata en patín, ademáis dunha garita de sección cadrada cunhas pequeniñas seteiras. A cuberta da garita aparece coroada por un pináculo piramiral rematado en bola. O patio interior presenta unha gran solaina a pesar de que actualmente se pode apreciar bastante alterada.
 
A cuberta é nuns tramos de tella curva e noutros de tella francesa. Destacan aquí as dúas chemineas que engalanan as fachadas oriental e occidental. As dúas van apoiadas na cornixa que rodea o tellado e están flanqueadas por dous canos-górgolas. Ditas chemineas son de corte transversal trapezoidal e rematan en cornixa coroada por tes pináculos de remate en bola.
 
Na finca do pazo hai un pombal e unha fonte coa auga encanada ata o pazo.
 
Segundo Crespo Pozo a linaxe dos Añel foron os fundadores deste pazo, sendo Don Bernardo Añel y Deza un nobre empadroado en Sandiás no ano 1701. Este personaxe serviu como capitán nunha compañía de nobres que loitaron contra Portugal. Pola documentación do Arquivo Histórico Provincial de Ourense sábese que no ano 1781 o Telleiro era propiedade de Don Bernardo Romay Añel y Mondragón, casado con Doña Isabel de Arce. Este mesmo personaxe foi señor da Torre e fortaleza de Cuadro no arzobispado de Santiago. Do mesmo xeito tense constancia que a principios do século XIX o edificio xa estaba en mans de Don Francisco de Romay y Añel, cabaleiro maestrante do Real Corpo de Sevilla.
 
Crespo Pozo afirma que o Telleiro pasou seguidamente ás mans de Dona Xoana Añel y Arce que estaba casada con Don José de Cea y Avalle, por esta vía o pazo pasou á ser da familia dos Cea. Os donos, a día de hoxe son os señores de Cabrera,  Don Eduardo de Cea Naharro foi o último da linaxe dos Cea ó que pertenceu a propiedade do pazo. García Iglesias na súa obra indica que o pazo foi durante varias xeracións dos Arias e que posteriormente pasou a levar o apelido dos Cea.
 
 
BIBLIOGRAFÍA:   
-CASTILLO, A. Del: Inventario de la riqueza monumental y arística de Galicia. Nº 186, p. 145.   
-CID RUMBAO, A.: Guía turística de la provincia de Ourense, p.192
-CRESPO POZO, J. S.: Blasones y linajes de Galicia, ed. La Gran Enciclopedia Vasca, Bilbao, 1983, T. II, p. 85.
-GARCÍA IGLESIAS, J.M.: Pazos de Galicia, COAG-Xunta de Galicia, 1989, pp. 253-254.
-NOGUEIRA, V.: Pazos de Galicia, ed. NigraTrea, Gijón, 2001, pp. 185-186.
-RIVERA RODRÍGUEZ, M.T.: Los pazos orensanos, ed. Atlántico, A Coruña, 1981, pp. 452-454.
-RIVERA RODRÍGUEZ, M.T.: Pazos ourensanos, Caixanova, Ourense, 2000, pp. 309-311.
 
DOCUMENTACIÓN:
-Ficha do catálogo do planeamento urbanístico do concello de Sandiás. Clave de identificación: AC-2
A.H.D.OU.
       Libro 35.3.3
       Libro 35.3.3

volver a búsqueda