Capela da Nosa Señora do Carmen de Veiga

mapa ficha

Referencia:

030304

Nomenclator:

3206206

Coord. UTM:

x: 59859263 y: 464969563

Concello:

Porqueira

Parroquia:

SOBREGANADE

Lugar:

San Mamede de Sobreganade

Tipoloxía:

Arquitectura Relixiosa

Tipo:

Capelas

Subtipo:

Capela

Etapa Histórica:

Idade Moderna

Estilo Relevante:

Popular
Capela da Nosa Señora do Carmen de Veiga

Descrición:

A capela do Carme atópase nun descampado ás aforas do núcleo de Sobreganade. Este feito foi preocupante dende sempre para o clero e para os feligreses, así, dende o século XVII que aparece o templo citado na documentación xa se alude a esta traba; "la Hermita de nuestra señora de la vega por estar tan en despoblado se esperimentan muy a menudo el robarla.. ..la puerta principal esta de continuo abierta y la capilla de la Virgen con una rexa de madera y para ocurrir a estos inconbinientes mando que el coro de la dicha hermita al lado del evangelio se rompa una ventana en la qual se ponga una reja y encima della un cobertizo para que desde alli se aga oracion y se visite la ymagen santisima y en la parte de adentro aya un cepo en que se recoja la limosna (Libro 34.9.23., fol.9Vº).
 
Referente ó adorno interno do edificio, encárgase a feitura e pintura dun retablo nas primeiras décadas do século XVII (Libro 34.9.23., s.f.). Este retablo non permanecerá na capela moito máis dunha centuria, xa que cara a década dos 30 do século XVIII o escultor Blas da Ella será o encargado de realizar unha nova obra (Libro 34.9.23., s.f.). Por esta mesma época tamén houbo que acometer obras de urxencia no exterior da igrexa, en concreto na fachada; "Componer la frontera de la Hermita que estava amenaçando ruina 220 reales (Libro 34.9.23., s.f.)".
 
No axuste das contas do edificio para o ano 1672 (Libro 34.9.23., fol.43Vº) apórtase unha partida de 220 reais para unha fonte, probablemente sexa a que aínda se conserva na actualidade a un dos lado da ermida.
 
Na visita pastoral do ano 1857 (Libro 34.9.23., fol.144) esta é a mención que se fai da capela; "Otra de nuestra señora del Carmen sita en la Vega de esta parroquia que se sostiene y redifica a quenta de los ganados y limosna de la misma.. ..Hay costumbre de cantar una misa en dicha capilla el dia de la Anunciacion de nuestra señora o en el dia lunes de pascua de Resurreccion; el dia de la Ascension del señor y el dia 16 de julio en que se celebra la festividad del Carmen".
Na segunda metade do século XIX lévanse a cabo importantes reformas na canteiría do templo que lle dan o aspecto que conserva. Nunha relación de gastos do edificio do ano 1867 (Libro 34.14.9., fol.46Vº) cita os seguintes: "1500 reales en que fue ajustado el levante que se le dio a la pared del coro o crucero de la capilla" "Idem 400 reales por bajar las piedras del arco de la capilla que se estaban cayendo y volverlo hacer". O caso é que nos gastos do ano 1870 (Libro 34.14.9., fol.49Vº) volve aparecer reflexada unha partida de cartos coa mesma finalidade; "640 reales que llevó el maestro cantero Jose Rodriguez vecino de san Bartolomé de Ganade por levantar el coro de la capilla de la Virgen de Veiga por segunda vez y cortar la piedra necesaria". No exterior da ermida apréciase perfectamente esta obra xa que os perpiaños engadidos son de maior envergadura cás fiadas da parte inferior do edificio.
 
Esta capela do Carme é dunha envergadura considerable, case ten máis trazas de igrexa parroquial cá de ermida. Este feito quizáis teña relación cunha importante cofradía de abades que estaba fundada neste lugar.
 
Os muros do edificio levántanse a base de perpiaños, conta cunha nave rectangular que se prolonga nun presbiterio de maior altura. A ermida é unha construcción de gran sobriedade, na fachada presenta unha portada cun arco de medio punto -conta con outra porta de acceso alintelada nun dos lados maiores da nave-. A espadana aséntase sobre un basamento. O corpo -enmarcado por cornixas na parte superior e inferior- dun só arco con cornixa no arranque do mesmo. Remata todo o conxunto unha pequena cruz latina pétrea asentada sobre un complicado basamento de curvas e contracurvas.
 
 
DOCUMENTACIÓN:
-A.H.D.OU.
        Libro 34.14.9
        Libro 34.9.23

volver a búsqueda