Igrexa parroquial de Sobreganade

mapa ficha

Referencia:

030303

Nomenclator:

3206206

Coord. UTM:

x: 59858560 y: 465186489

Concello:

Porqueira

Parroquia:

SOBREGANADE

Lugar:

San Mamede de Sobreganade

Tipoloxía:

Arquitectura Relixiosa

Tipo:

Igrexas

Subtipo:

Igrexa

Etapa Histórica:

Idade Moderna

Estilo Relevante:

Popular
Igrexa parroquial de Sobreganade

Descrición:

As primeiras novas documentais de interese para a análise artística deste edificio parten da década dos 40 do século XVII. É nestes momentos cando os feligreses de Sobreganade deciden encomendar un retablo colateral para a honra da Nosa Señora (Libro 34.14.15. Fol.28). No derradeiro ano da mencionada década xa se estaba pintando a obra (Libro 34.14.15. Fol.35Vº). Neste mesmo momento tamén se opta pola realización dunha sancristía, así o denota un descargo de 66 reais reflexado no ano 1646 para ese fin (Libro 34.14.15. Fol.31Vº).
 
Segundo as fontes documentais, en 1694 (Libro 34.9.23. Fol.63Vº) o campanario da igrexa estaba a piques de verse abaixo, aínda así en 1698 vólvese a facer a seguinte alusión ó mesmo; "la fachada y frontispicio della esta amenazando ruyna (Libro 34.9.23. Fol.66)". Agora sí que as obras non deberon tardar en efectuarse, o novo campanario correu a cargo do mestre canteiro de Celanova Sebastián García. Nas contas da igrexa do ano 1702 dábaselle unha partida de diñeiro de 36 reais e con ese importe os feligreses acababan de pagar a obra do campanario (Libro 34.14.15. Fol.84).
 
Nos anos 30 do século XVIII a igrexa optou por renovar o seu decorado interior, é por iso que se encarga a feitura e pintura dun novo retablo maior (Libro 34.14.15. Fols.117Vº, 124Vº, 131, 133, 134). Descoñécese a autoría deste proxecto, pero sí se sabe que a obra foi retocada e perfeccionada por un escultor de Rairiz; "120 reales que llevo el escultor de Raeriz por haver echo una Ymagen de San Ramon, i poner el remate del retablo maior y aver perfecionado la custodia de algunas imperfecciones que tenia (Libro 34.14.15. Fol.130).
 
Entre os últimos anos do século XVIII e os primeiros do 1800 a igrexa afronta un interesante gasto; uns novos retablos colaterais (Libro 34.14.8. Fol.19, 27). Descoñécese a autoría dos traballos da escultura, pero sábese que os de pintura levounos a cabo Pedro Ojea: "se le abonan 3400 reales que entrego al Maestro Pintor Don Pedro Ojea i Taboada por los colaterales de esta Yglesia i mas obras a saber 2600 reales por pintar cinco santos, i los 400 reales restantes por los reparos de atril, pulpito, pies de altares, i gratificacion en la inteligencia (Libro 34.14.8., fol.28)".
 
Interesantes obras de cantería son as realizadas na igrexa no primeiro tercio do século XIX; nas contas do ano 1825 destínanse dúas fanegas para "los canteros que lebantaron el coro y mas obra de la yglesia que hicieron en el mismo año (Libro 34.14.8., fol.81)". Nos gastos do ano 1829 aparece reflexada a seguinte data; "a los canteros que lebantaron la sacristia, echaron una hilada de piedra a la capilla mayor (por estar antes de madera) redificar la pared del atrio, dar nueva forma a la osera 1220 reales y 16 maravedis (Libro 34.14.8., fol.46)". Tres anos máis tarde as obras trasládanse cara o cemiterio: "61 ferrados y 5 cuartos de centeno se dieron a los canteros que hicieron el cementerio de esta yglesia como unos 45 ferrados que habia en el arca de las primicias (Libro 34.14.8., fol.83)".
 
Xa entrado o século XX unha partida de 400 pesetas destínase para a "reconstruccion de parte de la pared del templo parroquial y recomposicion de la tribuna (Libro 34.14.7, s.f.)". Descoñécese que parede foi a reconstruída, pero polo gasto da obra debeu ser un pequeno remendo na fábrica do templo.
 
Estase ante un modesto templo rural, onde o máis detacable do edificio quizáis sexa a espadana barroca. As paredes do templo están lavantadas a base de perpiaños, consta dunha nave rectangular que se prolonga nun presbiterio cunha leve maior altura. A un dos lados da capela maior adósase unha pequena sancristía. Na fachada é na parte do edificio onde se concentra a escasa decoración do mesmo; presenta portada con arco de medio punto que está enmarcada por unha banda de bolas. Conta con outra porta de acceso alintelada no lado norte. A fermosa espadana aséntase sobre un basamento con cornixa. O corpo con dous arcos xemelgos e cornixa no arranque dos mesmos. Enriba do corpo descansa un frontón triangular cun van de arco no medio do tímpano. Decoran este último elemento dous pináculos rematados en bolas nos ángulos e unha cruz pétrea no vértice. Cuberta a dúas augas con tella francesa.
 
 
DOCUMENTACIÓN:
-Ficha do Inventario do Patrimonio Arquitectónico de Interés Histórico Artístico do Ministerio de Cultura.
-A.H.D.OU.
        Libro 34.14.15
        Libro 34.9.23
        Libro 34.14.8

volver a búsqueda