Torre de Porqueira

mapa ficha

Referencia:

030281

Nomenclator:

3206204

Coord. UTM:

x: 59541051 y: 465212966

Concello:

Porqueira

Parroquia:

PORQUEIRA

Lugar:

Torre, A

Tipoloxía:

Arquitectura Defensiva

Tipo:

Torres

Subtipo:

Torre

Etapa Histórica:

Idade Media

Estilo Relevante:

Indeterminado
Torre de Porqueira

Descrición:

Caracterízase a Alta Limia por contar cun número considerable de fortalezas de época medieval. A explicación que se pode dar para o levantamento destas construcións, sería a das continuas loitas que no século XII se levaron a cabo entre o fillo de Teresa de Portugal -Alfonso Henríquez de Portugal-, e o fillo de Dona Urraca -Alfonso VII-, para poder facerse co control desta parte meridional do reino de Galicia. Como consecuencia deste clima belicoso asístese á construción do Castelo de Celme, así como as torres de Porqueira, Sandiás e Pena.
 
Ó longo do tempo estas construcións sufriron numerosos ataques, empezando polos das tropas francesas na da Baixa Idade Media. O duque de Lancaster chegaba á Coruña en 1386 acompañado das súas tropas co gallo de reclamar o trono do reino de Galicia. Estas tropas parece ser que arrasaron o castelo de Celme e a torre de Sandiás. Pero tamén se viron afectadas no século XV polas revoltas irmandiñas, no XVIII polas guerras hispano-lusitanas, etc.
 
A torre de Porqueira  atópase situada enriba do pobo da Forxa, nun pequeno núcleo coñecido como "A Torre". O seu estado de conservación é bo, xa que a edificación estivo habitada ata hai poucos anos (foi o edificio do Concello).
 
Nas fincas que se atopan na parte sur da edificación aprécianse anacos de tégula, así como outros restos vinculados coa época romana. Este é un indicador de que a torre se atopa edificada sobre restos romanos.
 
Pertenceu á casa de Monterrey, máis tarde pasou ás mans da Mitra ourensá, dmomento no que puido cumpri-la función de convento.
 
Estase a falar dunha torre exenta de pranta cuadrangular de aproximadamente 9 metros e medio de lado, por 23 metros de altura. Puido formar parte dun conxunto máis complexo se se ten en conta os orificios cos que conta a torre no seu lenzo occidental, que seguramente serviron para encaixar madeiras. A obra foi realizada en sillares graníticos de boa labra colocados "a hueso" e culmina cunha serie de ménsulas en cuarto bocel distribuídas pola cornixa do edificio. É un punto de apoio para o tellado.
 
Accédese ó interior a través dunha escaleira exterior que conduce ata unha porta situada no primeiro piso. No tímpano apréciase un escudo grabado. O interior está dividido en tres andares ademais do soto, os diferentes pisos están separados por un sistema alintelado de madeira. Como acceso entre os diferentes andares emprégase un sistema de escaleiras tamén de madeira.
 
Non conta con moitos vanos e algúns deles deberon ser  transformados, xa que de ser aberturas abocinadas pasaron a ser fiestras normais.
 
Os autores do traballo "As torres do Val da Limia" , sosteñen que é difícil clasificala como torre señorial ou torre de homenaxe, xa que non presenta o mesmo carácter defensivo dos do resto do seu contorno.
 
 
DOCUMENTACIÓN:
-Ficha do inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta de Galicia. Clave de identificación: GA32062001.
-Ficha del Inventario del Patrimonio Arquitectónico de Interés Histórico Artístico. Ministerio de Cultura.
 
BIBLIOGRAFÍA:
-AVELLO ÁLVAREZ, J. L.: Las torres señoriales de la Baja Edad Media, Universidad Secretariado de Publicaciones, León, 1991.
-CASTILLO LÓPEZ, A del.: Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia, A Coruña, 1987, p.451.
-RIVAS QUINTAS, E.: A Limia: Val da Antela e Val do Medo, ed. Atlántico, Deputación Provincial de Ourense, 1985.
-VV.AA.: Val do Limia. Un rio, dos paises, 2001.
-VV.AA.: "As torres do val da Limia", Anexo VIII Xornadas de Historia de Galicia. Aspextos históricos de Ourense, Servicio de publicacións da Deputación Provincial de Ourense, Ourense, 1995, pp. 47-68.

volver a búsqueda