Capela da Nosa Señora do pé do monte

mapa ficha

Referencia:

030204

Nomenclator:

3206205

Coord. UTM:

x: 59802571 y: 465310206

Concello:

Porqueira

Parroquia:

SABUCEDO

Lugar:

Rial

Tipoloxía:

Arquitectura Relixiosa

Tipo:

Capelas

Subtipo:

Capela

Etapa Histórica:

Indeterminada

Estilo Relevante:

Popular
Capela da Nosa Señora do pé do monte

Descrición:

Este edificio, que hoxe se coñece entre os veciños de Sabucedo de Limia como a ermida da Nosa Señora de ó Pé do Monte, foi no seu día a igrexa parroquial. Non se ten certeza de cando deixou de selo pero este é un dato que xa aparece reflectido nas visitas parroquiais de finais do século XVI. Así, na do ano 1583 (Libro 34.13.11., fol.23) dise; "visito la dicha yglesia (a de San Salvador) y la de santa maria de sabuzedo que dizen es la antigua". Pola mencionada visita, a súa Ilustrísima mandaba que "porque el arco y capilla mayor de la dicha yglesia de santa maria es muy pequeño y angosto.. ..alarguen el dicho coro y capilla mayor de largo mas de beinte pies y de ancho tanto como el cuerpo de la yglesia". O certo é que os feligreses fixeron caso omiso ó mandato desta obra, así na visita de 1598 (Libro 34.13.11., fol.66Vº) vólvese facer fincapé no mesmo tema. Aínda terán que pasar uns anos para que as reformas se levasen a cabo, por fin no ano 1606 aparece recollido na correspondente visita parroquial que a obra se está facendo (Libro 34.13.11., fol.82). Traballaron nela como pedreiros Antonio Martínez, Sebastián Rodríguez e Francisco de Vega (Libro 34.13.11., fol.96).
 
Unha vez rematada a remodelación do edificio, parece ser que se atopaba sen retablo (Libro 34.13.11., fol.93); "por quanto en esta yglesia de santa maria en el altar maior esta solo la ymagen de maria santisima sin retablo ni otro adorno.. ..agan azer una caxa de manera de retablo (con su banco debaxo y en que se ponga la ymagen de nuestra señora) de manera que este la imagen por lo menos cinco o seis palmos mas alto de lo que esta". Este mandato recollíase na visita de 1610 e nas contas do ano 1612 (Libro 34.13.11., fol.101) xa se anota unha partida de 300 reais en concepto da caixa-retablo para a imaxe da virxe.
 
A anterior obra debeu parecer pouco para o adorno do templo, así na visita do ano 1669 (Libro 34.13.10., fol.14) exhortase que se "haga un retablo en la yglesia de santa Maria donde se coloque la ymagen de nuestra señora y ansimesmo hagan otros dos retablos pequenos para los colectorales a donde se coloquen los santos que tienen". Unha vez máis teñen que pasar varios anos para que o mandato se vexa feito realidade, así en 1674 (Libro 34.13.10., fol.26) faise entrega de 603 reais o mestre entallador que está facendo o retablo, e ó ano seguinte apártese a cantidade de 176 reais"al maestro que ace el Retablo de Maria Santisima". Do texto podemos extraer que se debeu optar simplemente por realizar o retablo maior, obviando a orde de fabricar tamén dous pequenos colaterais (a capela xa debía contar cun par deles, xa que en 1673 menciónase a necesidade de reparar os colaterais de María Santísima (Libro 34.13.10., fol.23Vº).
 
Na visita da ermida en 1683 (Libro 34.13.10., fol.45Vº); "en la yglesia de santa Maria hallo un retablo recien hecho y en el dos escudos donde esta escrito el Abad que fue presentado". Nas contas de 1803-1804 (Libro 34.13.10., fol.49) dase o descargo de 3700 reais pola pintura do retablo (a cargo de Roque Martínez Montemayor (Libro 34.13.10., fol.73) e de catro imaxes que están nel colocadas, así como 650 reais da feitura destas últimas -executadas por Cores Cabarcos (Libro 34.13.11., fol.75Vº).
 
Para a feitura duns colaterais novos para o templo houbo que esperar á última década do século XVII (Libro 34.13.10., fol.93), foi entonces cando foron realizados e pintados a costa do abade; "y mande hazer las ymagenes de san Sebastian y san Cayetano y los Retablos colaterales de la Yglesia de nuestra Señora según estan dorados y pintados con sus guardapolbos y tarimas todo ello a mi costa por mi debicion".
 
Cara mediados do século XVIII a capela aínda conservaba unha sancristía xa que se destina unha partida de cartos para a pavimentación desta estancia (Libro 34.13.9., fol.29).
 
Importante reforma debeu ser a que sufriu o edificio a principios do século XIX, esta é a descripción que se fai do mesmo (Libro 34.13.9., fol.135); "Mediante la Capilla de Nuestra Señora do Pee do monte se hallava todo el edificio arruinado en el techo, Paredes, y tribuna, y las Paredes sin llano: por el poco cuidado de mis antecesores: y para haver de ratificarla, como tan servicial para este numeroso pueblo y poderle dar mas conmodamente las instruciones doctrinales. Hice presente a Su Ilustrisima en el año de mil ochocientos cuatro: le serviese permetirme, que a cuenta de los caudales sobrantes de la fabrica se compusiese: por la parroquial se hallar vien provista de todo lo necesario para el culto divino, y que algunas rentas que percivia la capilla se incorporavan con las de la Fabrica.. ..". Neste intre debeu ser cando se fai unha forte remodelación, reducindo as dimensións do templo. É curioso o feito de que hasta este momento a documentación se refira ó edificio sempre baixo o nome de igrexa de Santa María, e a partir deste instante mudarase polo de ermida de Nosa Señora de ó Pé do Monte.
Arredor do edificio tamén debeu existir o correspondente adro e cemiterio, así se desprende do seguinte mandato da visita parroquial de 1856 (Libro 34.13.9., fol.179); "Visitó la antigua iglesia contigua a la casa rectotal.. ..se construiran de buena piedra todas las cruces que se echan de menos en la pared del atrio para el completo del calvario o viacrucis".
 
Na actualidade a capela presenta pranta rectangular coas paredes levantadas en perpiaños de boa labra. Nun dos lados maiores pódese apreciar nun perpiaño a data de 1608, corresponde ésta coa realización das obras de ampliación do coro que se levan a cabo a principios do século XVII. O material da fachada cambia radicalmente, agora estase ante un muro realizado en cachotería no cal antes de agora estivo aberta unha grande porta de arco. As remodelacións da ermida fixo que este oco se reducise, abrindo a cada un dos seus lados unhas ventás horizontais. A espadana está asentada sobre basamento con cornixa. Consta dun só corpo cun arco que presenta cornixa no arranque do mesmo. Coroan todo o conxunto unha cruz pétrea sobre unha base e dous pináculos piramidais, un a cada lado da mesma.
 
 
DOCUMENTACIÓN:
-A.H.D.OU.
        Libro 34.13.11
        Libro 34.13.10
        Libro 34.13.9
 
BIBLIOGRAFÍA:
-DE JUANA LÓPEZ, J.: A Alta Limia. A Terra que medrou vencellada a unha Lagoa, Ir Indo Edicións, Vigo, 1993, pp.96.

volver a búsqueda