Referencia: |
030185 |
Nomenclator: |
3206203 |
Coord. UTM: |
x: 59641500 y: 465243500 |
Concello: |
Porqueira |
Parroquia: |
SAN MARTIÑO DE PORQUEIRA |
Lugar: |
Xocín |
Tipoloxía: |
Arquitectura Civil |
Tipo: |
Casas Grandes |
Subtipo: |
Casa Grande |
Etapa Histórica: |
Idade Moderna |
Estilo Relevante: |
Barroco |
Descrición:
Casona de planta rectangular que consta de baixo e planta alta, a día de hoxe dividida entre dúas familias, este é un dos motivos de que a construcción presente notables alteracións. A fachada principal está realizada en perpiaños, no seu día con estreito encinte de cor branco, na actualidade só se aprecian algúns restos. As tres paredes restantes son de cachotería.
Na fachada principal as escaleiras rematan nunha solaina descuberta. Este elemento ten como apoios dous grandes canzorros formados cada un deles por tres bloques de pedra. Na actualidade, a modo de varanda presenta un muro pechado de ladrillo que segundo información dun dos propietarios da casa (Ricardo Martínez Rodríguez) debía contar con unha escalinata barroca xa que di: "tiña no fondo unha columna de pedra torneada en forma de serpe e logo toda a varanda polas escaleiras e pola solaina era de balaustres de pedra ben traballados". A mesma fonte informa de que na parede que hai debaixo da solaina había "un escudo cun león coas patas levantadas cun coitelo na man e unha soga rodeandoo", está a falar, polo tanto, dun escudo cun león rampante. Todo este material que se acaba de describir, e que xa non se conserva, foi vendido entre os anos 1948 e 1949.
Na mesma fachada na planta baixa ten dous amplios portalóns, un deles foi reducido, mediante bloques de cemento, ata convertelo nun porta sinxela. No primeiro andar dúas portas e tres fiestras alinteladas, enriba de cada unha das fiestras unha bufarda en posición horizontal.
Na fachada posterior, na planta baixa tamén presenta dous vans, un deles é un portalón alintelado de dúas follas e o outro é unha porta simple. No primeiro andar tivo un amplo corredor apoiado en dous esteos de pedra, sen embargo o piso de madeira do mesmo foi sustituído por unha pranchada de cemento e foi pechado nos laterais de ladrillo para engadirllo á casa. Ó lado do que no seu día foi o corredor inda se poden apreciar tres vanos, sendo os dos extremos dúas fiestras e o do medio unha porta de aire con varanda de balaustres de madeira. No muro penal dereito ten adosada unha construción recente de ladrillo.
Na fachada principal o tellado non descansa dereitamente enriba dos muros senón que presenta unha orixinal cornixa por ese xogo cóncavo-convexo que presenta o seu perfil. A cuberta é a dúas augas con tella francesa.
Volvendo á información prestada polo propietario anteriormente citado, parece ser que a casa pertenceu a Don Francisco González Ulloa párroco en Chamusiños e humanista. Ó respecto desto na súa Descripción, González de Ulloa, di referíndose ó Priorato de Porqueira que "en cuyo distrito está la casa Ahumada, de los causantes antecesores del autor de este manu scripto" sen dar máis detalles. Fernández Oxea na explicación da publicación do manuscristo non dá máis datos acerca da situación da casa mais si que inserta a partida de bautismo de González de Ulloa, na que se dá como nado en 1714, fillo de Alejandro González de Ulloa e Francisca Nogueira Osorio, veciños do lugar de Xocín.
BIBLIOGRAFÍA:
FERNÁNDEZ OXEA, José Ramón. Descripción de los Estados de la Casa de Monterrey en Galicia por D. Pedro González de Ulloa (1777). Cuadernos de Estudios Gallegos, anexo IV. Santiago de Compostela. 1950