Igrexa parroquial de San Martiño

mapa ficha

Referencia:

030170

Nomenclator:

3206203

Coord. UTM:

x: 59662802 y: 465254438

Concello:

Porqueira

Parroquia:

SAN MARTIÑO DE PORQUEIRA

Lugar:

Telladas

Tipoloxía:

Arquitectura Relixiosa

Tipo:

Igrexas

Subtipo:

Igrexa

Etapa Histórica:

Idade Moderna

Estilo Relevante:

Barroco
Igrexa parroquial de San Martiño

Descrición:

Dentro da fábrica da igrexa parroquial de San Martiño de Porqueira distínguense diferentes etapas construtivas que arrancan de época románica conservada en parte da nave da igrexa finalizando a mediados do século XIX coa construción da torre campanario.
 
Como se dixo, a edificación mostra una etapa románica evidenciada no corpo entre a capela maior e a fachada baseado en grande parte nos canzorros que sosteñen a cornixa, onde aparecen representados motivos xeométricos e vexetais con unha sinxela cornixa recta con un plano inclinado, onde nalgunhas pezas se traza un axadrezado. Esta igrexa primitiva contaba con unha capela maior de tamaño parecido á actual, de menor anchura que o corpo, mais ó longo, a igrexa contaba con menor superficie. Na fachada sur en época indeterminada abriuse una porta lateral con arco adoelado de medio punto. Esta construción primitiva, sobre todo no referente ó corpo, sufría problemas de estabilidade de tal modo que en 1668 é preciso dispor  1000 reais, que lle correspondería aportar ós feligreses pero por "hallarse pobres y necessitados" é o  caudal de fábrica quen  se fai cargo, "por quanto gran parte de una pared de el cuerpo de la iglesia se esta cayendo" (34.8.15 fol.32v). A obra foi executada por  "unos maestros de la iglesia de Celanoba" cos cuales se concertou "ante todo el Concejo antes de la misa Mayor en 50 ducados y tres fanega de centeno dándoles yo cama y socorro de servicio para su comida". (34.8.15 fol. 34).
 
Entre os anos 1699 e 1707 será Sebastián García, tamén de Celanova, quen interveña na igrexa, neste caso na capela maior (34.8.15 fol. 93v), obra que non se especifica ben en que consistiu pero que en principio non modificou demasiado a súa morfoloxía, xa que conservou a anchura da mesma e incluso ás paredes será preciso darlle maior altura xa avanzado o século XVIII.
 
Se ben os problemas de solidez dos muros parecían solucionados na igrexa en 1719 a parede da sancristía vense abaixo e será preciso reedificala (34.8.15 fol.125). E en 1771 o abade José Guitián vese obrigado a pedir licenza ó bispo para sacar do caudal de primicias 2000 reais (dos que lle serán autorizados 1000) "para componer el cuerpo de la yglesia, cuyo techo que se halla arruinado, necesita para afianzarle dos arcos volantes de piedra"  (34.8.15 Carta cosida). Os ditos arcos foron realizados cos seus correspondente contrafortes ó exterior e perfeccionamento da nave o que conlevou o arranxo da capela maior. Desta maneira, ó ano seguinte o abade volta a dirixir un escrito no que solicita que "el arco toral i paredes de la capilla maior de esta Parroquia deben levantarse a Juizio del maestro arquitecto, para que hagan alguna simetría con la nave i arcos de dicha iglesia, que ahora acaban de hacerse" (34.8.15 Carta cosida). A obra axustarase co mestre Acosta en 2000 reais "aviendo venido a terciar, i hacer su modo de postura el maestro Valeriano" (34.8.15 fol. 187v).
 
Finalmente xa no XIX execútanse as últimas obras de importancia e as máis significativas dentro da igrexa. Trátase da fachada e torre campanario. Dende o ano 1814 virase insistindo en sustituir a antiga espadana por unha torre de maior tamaño. É neste momento cando o abade se dirixe por carta ó bispo para que permita a execución do proxecto porque se precisa "una torre segura y permanente en lugar de la espadaña, en que se hallan colocadas las campanas, extraordinariamente pequeña y desproporcionada, y que por serlo tanto desfigura y afea el resto de vaso de la misma iglesia que por medio de los reparos y mejoras  que progresivamente ha ido recibiendo según lo han permitido las circunstancias, caudal y estado de los feligreses se halla en lo mas decente y proporcionada" (34.8.22 Carta cosida). No mesmo escrito solicita que a obra non saia a postura publica e "se digne facultarle para encargarlas al maestro de canteria de mas pericia e inteligencia en su arte , que se conoce en el contorno y que tiene acreditado constantemente en otras anteriores de que se tiene encargado y en las que actualmente se halla entendiendo, de ninguna de las quales se cargó por ajuste, sino a jornal al modo que tiene ofrecido desmpeñar las de que queda hecho expresión, en la egecución  de todas las quales segun se vayan realizando se procederá con toda la exactitud, claridad y formalidad que corresponda, estampando quantas datas y quentas ocurran con la debida expresion para rendirlas quando sean pedidas"  O certo é que neste momento non se chega a realizar a obra da torre pero é moi probable que cando menos se iniciase a fachada que a pesares da declaración de intencións do escrito anterior non se especifica no gasto e será o seu sucesor que recolla o consumo feito. En 1832 é cando finalmente se axusta cos mestres Antonio Durán e José Bouzas "el rematar la torre de esta Yglesia [...] en 5880 reales dandoles ademas porcion de carros de piedra que a este fin partiera ya en el monte de Guin el cantero Ramón Suárez y tuvo de coste 213 reales" (34.8.22 fol. 142). O certo é que Antonio Durán xa viña intervendo en diferentes obras na igrexa dende 1831, coma baldosar a igrexa, arranxo do muro do adro, altares, pulpito e nunha data de 9616 reais especifica: "al maestro Antonio Durán que entendio en la obra de la fachada y torre desta yglesia" é dicir que a fachada e a torre proceden da mesma man, dato documental que é corroborado pola similitude estilística.
 
A fachada que está presidida pola imaxe pétrea do patrón en fornela de arco de medio punto con listel escalonado que descansa en pilastras e decoración de placas. A porta enmarcada con baquetón acodado o mesmo que a fiestra na parte superior.
 
O elemento máis destacable será a torre campanario. Sobre unha base robusta levántanse o resto dos corpos con graduación de volumes, o primeiro un corpo cadrado con un balcón abrazándoo con pilastras nas esquinas con decoración en caixa. A transición ó segundo corpo márcase por unha cornixa moldurada sobre a que se dispón unha estrutura octogonal con catro ocos para campás acompañada de pináculos nos extremos. Un tambor cego igualmente octogonal da paso a unha cupuliña.
 
 
DOCUMENTACIÓN:
-A.H.D.OU.
        Libro 34.8.15
        Libro 34.8.22
 
BIBLIOGRAFÍA:
-DE JUANA LÓPEZ, J.: A Alta Limia. A Terra que medrou vencellada a unha Lagoa, Ir Indo Edicións, Vigo, 1993, p.95.
 
 

volver a búsqueda