Xacemento Outeiro do Castro/ Outeiro de Baltar/ Castro de Santo

mapa ficha

Referencia:

010199

Nomenclator:

3200507

Coord. UTM:

x: 604820 y: 4644351

Concello:

Baltar

Parroquia:

VILAMAIOR DA BOULLOSA

Lugar:

Santo Antoniño

Tipoloxía:

Xacementos Arqueolóxicos

Tipo:

Castros

Subtipo:

Castro

Etapa Histórica:

Idade do Ferro

Estilo Relevante:

Indeterminado
Xacemento Outeiro do Castro/ Outeiro de Baltar/ Castro de Santo

Descrición:

Dende Baltar seguir a vella estrada en dirección a Santo Antoniño. Pouco antes de chegar a este pobo, vese o xacemento situado nun outeiro á beira da estrada a man dereita.
 
Nun outeiro da Serra de Gomariz sitúase este asentamento fortificado en altura. Na actualidade debido a densa maleza que o cubre non se puido acceder ata o lugar.
 
A ficha da Xunta recolle que está formado por un recinto central, de forma alongada en sentido NW-SL, cunhas dimensións aproximadas duns 50 x 110 m. Este recinto, rodéase, ademais das pendentes naturais do terreo, cunha muralla de terra ou parapeto, que aparece na actualidade sobre todo na parte NW, onde tamén son visilbles restos dun foxo, bastante colmatado, situado no pequeno collado que separa a zona alta onde se sitúa o recinto central do outeiro da parte NW.
 
No sector sur é posible que existise unha terraza relacionada co castro, aínda que hoxe non existan elementos significativos para aseguralo. Pola contra, na ladeira norte existen restos de varios muros, situados a distintas alturas, que poideran ser un reforzo do sistema defensivo ou ben sistemas de aterrazamento. Na zona máis baixa deste sector, próxima ao regato que discorre aos seus pés, nos anos 40 do século pasado localizáronse restos de varias vivendas circulares así como varios muros rectos, froito do traballos mineiros dunha compañía denominada Somar.
 
Xunto con estas estruturas localizouse unha abondosa cantidade de restos materiais, destacando dous trisqueis en granito, varias pedras gravadas, un aramio e unha laminiña de ouro, seis fíbulas e varios alfinetes de bronce, varias doas de bronce-unha delas con incrustacións de fío de ouro- e algunhas moedas romanas-identificouse un bronce da época de Augusto-.Igualmente, aparecen vestixios de actividade mineira, con escouras de bronce, dous machados líticos pulimentados e algunhas outras ferramentas, tipo mazo ou pico. De ámbito doméstico, citar varios muíños de man circulares, fusaiolas, anacos de cerámica común e algún de sigillata.
 
Na revisión de campo realizada no ano 2005 recolléronse 40 fragmentos cerámicos nunha finca situada aos pés da ladeira, na parte norte onde se asenta o castro, separada polo regato que transcorre por esa zona. Moi poucos aparecen con decoración, só tres pezas, sempre a base de liñas ou finas molduras en horizontal. En canto ás fábricas, son máis frecuentes as coccións oxidantes, mentres que nas pastas predominas as ocres, ben de factura fina ou grosa.Morfolóxica e culturalmente, obsérvase unha mistura entre pezas de tradición indíxena, xunto con outras insertas xa no mundo romano, factores que veñen a incidir na caracterización feita a partir dos achados localizados nos anos 50.  Todos estes restos atópanse depositados no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
 
 
DOCUMENTACIÓN:
 -Ficha de inventario de xacementos da Xunta de Galicia. Clave de código: GA32005002.
 -Materiais recollidos na prospección arqueolóxica para a localización e delimitación dos elementos patrimoniais do Concello de Baltar (Ourense). De cara á elaboración do P.X.O.M.

volver a búsqueda